A convocatoria de axudas “Bono Consolida Economía Social 2025”, promovida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ten como obxectivo apoiar a consolidación das entidades da economía social e reforzar a súa presenza no tecido económico galego.
Prazo de presentación
As solicitudes poderán presentarse durante dous meses, desde o 21 de febreiro ata o 21 de abril de 2025, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Toda a información recollida na orde axudas.
O período de execución das accións subvencionables abrangue desde o 1 de novembro de 2024 ata o 31 de outubro de 2025, polo que todas as actuacións financiadas deberán realizarse dentro deste intervalo.
En canto á presentación da xustificación das accións subvencionadas, a data límite será o 10 de novembro de 2025.
Esta convocatoria conta cun orzamento total de 2.730.000 euros, financiado con fondos finalistas do Estado procedentes do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).
Entidades beneficiarias
Poderán acollerse ás axudas as seguintes entidades da economía social:
- Centros especiais de emprego
- Sociedades cooperativas
- Sociedades laborais
- Empresas de inserción
Requisitos principais
- Estar inscritas no correspondente rexistro administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Ter presentadas as contas anuais do último ano no rexistro correspondente.
- No caso dos centros especiais de emprego con forma xurídica de asociación, ter aprobado o balance e a conta de resultados na Asemblea Xeral.
- Acreditar unha antigüidade mínima de 42 meses desde a data de inscrición da entidade no rexistro correspondente.
- Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
- Estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
- Non ter sido sancionadas coa perda do dereito a obter subvencións.
- Non ter recibido axudas ao abeiro da convocatoria do “Bono Consolida Economía Social 2024”.
Conceptos subvencionables
A axuda cubrirá ata o 80 % do custo total dos gastos subvencionables, cun máximo de 30.000 euros por entidade solicitante. Os conceptos subvencionables inclúen:
- Transformación dixital: Equipamento informático, desenvolvemento de software e creación de páxinas web.
- Promoción e visibilidade: Accións de márketing, comunicación ou relanzamento comercial.
- Sostibilidade: Melloras na eficiencia enerxética e adquisición de equipamento nesta liña.
- Infraestruturas: Reforma de locais e adquisición de mobiliario.
- Certificacións e seguridade: Obtención de certificacións de calidade e elaboración de plans de protección de datos.
- Formación: Actividades formativas para persoas socias dadas de alta no RETA.
- Mobilidade: Adquisición de elementos de transporte vinculados á actividade económica.